Archivos Mensuales: abril 2015

O grupo parlamentario do PSdeG pregunta ao Sr Feijoo por que a lei para a non discriminación LGTBI segue nun caixón dun armario.

Os Socialistas Galegos piden, a través dun proposición non de Lei, ao Goberno Galego que poña en marcha a lei para a non discriminación das persoas LGTBI, que foi aprobada o 14 de Abril do 2014 e que leva un ano escondida nalgún armario.

Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa das
súas deputadas e dos seus deputados Carmen Gallego Calvar, Carmen
Acuña do Campo, Manuel Vázquez Fernández, María Quintas
Alvarez, Ricardo Vicente Docasar Docasar, Concepción Burgo López e
Francisco Caamaño Domínguez, a través do seu portavoz e ao abeiro do
disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta ante esa Mesa
a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Pleno.

Exposición de motivos

A Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación
de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia,
publicada no DOG 79 do 25 de abril de 2014, establece que a Xunta de
Galicia distará as disposicións necesarias para o desenvolvemento da
mesma.
Esta lei,que para as persoas LGTBI, supón un importante paso cara á súa
visibilización e normalización, contén importantes ferramentas de impulso
das administracións públicas, medios de comunicación e sociedade en xeral
que deben ser postas en marcha para non xerar frustración. De aí a
necesidade de que o Goberno de Galicia se comprometa a fondo co seu
desenvolvemento e co diálogo e a participación coas persoas e
organizacións LGTBI de Galicia para aplicar dita lei.
A pesares do compromiso político que supón a aprobación desta lei
impulsada polos socialistas e que non contou con ningún voto en contra no
Parlamento de Galicia, o certo é que a cotío nos atopamos con graves
problemas de discriminación polo feito de ser LGTBI para moitas persoas,
na súa relación coas administracións públicas, no ámbito educativo, na rúa,
nos xulgados ou nos medios de comunicación.
Chegan a nós denuncias diversas sobre discriminación nos procesos de
adopción e acollemento, non recoñecemento dos dereitos sanitarios, acoso
escolar e tamén vemos con preocupación o desinterese da propia
administración, no cumprimento do xa lexislado, sobre todo cando se
realizan campañas de divulgación e publicidade institucional absolutamente
estereotipadas nas chamadas «familias tradicionais».
Tamén nos preocupa a falla de desenvolvemento desta lei na formación,
información e posta en marcha de protocolos e pautas de comportamentos
na comunidade educativa e no eido sanitario, dirixidas a evitar o sufrimento
e discriminación de nenos e nenas por razón da súa identidade de xénero
mediante un tratamento terapéutico axeitado.

Por este motivo, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta
a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Pleno:

O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:

1. Iniciar un proceso de diálogo coas organizacións LGTBI galegas,
concellos e outras administracións públicas a fin de realizar o
desenvolvemento regulamentario da Lei 2/2014.

2. Con carácter de urxencia aprobar, de acordo coas organizacións de
LGTBI, familias, comunidade educativa e sanitaria os protocolos de
actuación necesarios para:
 Divulgar as distintas realidades afectivo – sexuais e de xénero e
os distintos modelos familiares, a efectos de garantir o pleno
gozo dos dereitos das persoas LGTBI e o libre desenvolvemento
da súa personalidade no ámbito familiar e entre as ANPAS.
 Garantir a atención terapéutica e sanitaria das prácticas e terapias
relacionadas coa transexualidade e intersexualidade en todo o
ámbito sanitario público.

3. Garantir a formación continua e obrigatoria de todo o persoal
sanitario en materia de diversidade afectivo sexual, tanto no ámbito
público como privado ou concertado.

4. Promover campañas e cursos de formación sobre os aspectos e
necesidades específicas das persoas LGTBI no ámbito sanitario.

5. Incluír a realidade LGTBI nos contidos transversais da formación de
todo o alumnado de Galicia.

6. Establecer actividades de formación para o persoal docente e
incorporar a realidade LGTBI aos plans de estudio.

Pazo do Parlamento, 19 de marzo de 2015
Asdo.: Carmen Gallego Calvar
Carmen Acuña do Campo
Manuel Vázquez Fernández
María Quintas Alvarez
Ricardo Vicente Docasar Docasar
Concepción Burgo López
Francisco Caamaño Domínguez
Deputadas e deputados do G.P. dos Socialistas de Galicia
Asdo.: José Luis Méndez Romeu
Portavoz do G.P. dos Socialistas de Galicia