Archivos Mensuales: julio 2012

INTERVENCIÓN DE ALEJANDRO GESTO NO ACTO “VISIBLES NA IGUALDADE”

Imagen

Moi boas tardes a todas e a todos. Antes de nada quería presentarme: O meu nome é Alejandro Gesto, son estudante e teño 16 anos. Como vedes eu non fun ministro, nin son deputado, nin concelleiro, nin teño ningún cargo orgánico… Eu son simplemente un militante de base das Xuventudes Socialistas de Galicia. E teño a sorte de contar cunhas compañeiras e compañeiros que me permiten participar activamente nos diferentes ámbitos nos que presento inquedanzas. E por iso dende aquí tamén quería aproveitar para felicitar a Gonzalo Diz, coordinador de 7 Cores Compostela, que contou comigo hoxe, e a todas as persoas que se atreveron ou axudaron a facer realidade o proxecto da Coordinadora LGBT da Agrupación Socialista de Compostela. Unha coordinadora que sen dúbida dignifica, aínda máis se cabe, a militancia neste partido.

Pero se hoxe estou aquí é para falar dunha figura que probablemente ten que ver moito con vós; con nós. Un referente; un pioneiro. Estou a falar de Federico García Lorca, un dos máis grandes poetas dramaturgos e prosista da historia da Literatura Española que formaba parte da Xeración do 27. Con tan só 38 anos de existencia foi un dos autores máis prolíficos da nosa historia, publicando principalmente poesía pero tamén diferentes obras teatrais.

En relación co acto de hoxe, quero centrarme en dúas partes fundamentais da súa vida. Non sei se o saberedes, pero a cidade de Santiago de Compostela pode presumir de ter recibido a visita de Federico García Lorca; en diferentes ocasións. A primeira foi hai case un século, en 1916, cando ficou namorado das nosas paisaxes, o noso clima, as nosas tradicións e a nosa música. Algúns historiadores indican incluso que sentiu verdadeira fascinación pola nosa cidade, as súas rúas, as súas prazas e o seu ambiente. Por certo, algunhas das súas vivencias e lembranzas deste tempo quedaron moi ben reflectidas no seu libro Impresiones y Paisajes, de 1918.

Anos despois coñeceu a un mozo escritor galeguista en Madrid. E non puido resistir volver á nosa terra en 1932, para dar conferencias coa xira de La Barraca. Como público contaba con intelectuais como Ernesto Guerra da Cal, Carlos Martínez-Barbeito, Luís Seoane, Carlos Maside, Carvalho Calero ou García-Sabell. Nestas conferencias falaba sobre a súa experiencia en Nova York, recitaba os versos que escribira alí e disertaba sobre o cante jondo. E segundo as hemerotecas estes encontros tiveron un gran éxito: El Pueblo Gallego do 14 de maio de 1932 recollía que García Lorca fora moi eloxiado en Santiago e que o poeta se propuxera escribir sobre asuntos galegos. E así foi. O certo é que estas últimas visitas a Galicia a comezos dos anos trinta foron a semente dos Seis poemas galegos que escribiría tan só dous anos antes da súa morte, esforzándose por coñecer a nosa lingua.

É precisamente desta etapa o poema que con tan bo resultado musicou o grupo galego Luar Na Lubre.

Chámase Madrigal a cibdá de Santiago e di así:

Chove en Santiago meu doce amor.

Camelia branca do ar brila entebrecida ô sol.

Chove en Santiago na noite escura.

Herbas de prata e de sono cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa, laio de pedra e cristal.

Olla no vento esvaído soma e cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar Santiago, lonxe do sol.

Ãgoa da mañán anterga trema no meu corazón.

Estas foron as súas impresións sobre a nosa cidade, e así foi como rematou a súa visita a Galicia, e retomou a súa vida en plena Segunda República española. Neste momento foi nomeado Ministro de Instrución Pública e puido facer realidade a representación de moitas das súas obras. Pero, desgraciadamente, comezaría pouco despois a Guerra Civil, momento no que rexeitou o exilio a Colombia e México e decidiu permanecer en Granada. Alí, unha desas temidas denuncias anónimas levouno á morte o 18 de agosto de 1936. Un asasinato condenado incluso por medios franquistas que eloxiaban a súa produción literaria.

Pero, por que se perpetrou este crime? Federico García Lorca foi un home que foi asasinado simplemente pola súa afinidade coa Fronte Popular, da que formaba parte o Partido Socialista. E tamén, non podemos esquecelo, tivo moito que ver que o poeta se mostrou sempre abertamente homosexual. É por iso polo que hoxe estou lembrando a súa historia. O seu corpo foi a parar a unha fosa, como outros centos de asasinados. Restos que se buscaron recentemente grazas á lei de memoria histórica de José Luis Rodríguez Zapatero, pero que nunca se atoparon, e que probablemente nunca se atoparán.

Teño entendido que este acto pretende ser optimista, así que eu quero seguir nesa liña. Polo tanto, quero darvos as grazas a cada un de vós por estar hoxe neste encontro. Porque iso significa que a nosa loita LGBT, en maior ou menor medida, serve para que ningún outro mozo ou moza reciba a morte inxusta e cruel que tivo Lorca, non só por pensar dunha forma, senón tamén por expresar abertamente con tanta valentía o que sentía.

PALABRAS DE FITO FERREIRO EN EL ACTO DE «VISIBLES NA IGUALDADE»

Imagen

 

O pasado xoves 18 os compañeiros do grupo LGTB dos Socialistas de Compostela organzinarón un precioso acto de presentación do grupo LGTB de Compostela.
Contamos coa maravillosa presencia de  Trindade Jimenez, Silvia Fraga, Mercés Rosón e Fito Ferreiro que nos falo da historia do Orgullo en España e Galicia e do grupo LGTB dentro da xornada de “Visbilidade na Iguladade” .

Aquí tedes as palabras do Coordinador do grupo LGTB dos Socialistas de Galicia.

Boas tardes a todos e a todas,

Hoxe é un gran dia para nós, os membros do grupo de lesbianas, gais,transexuais e bisexuais dos socialistas de Galicia, con este acto facemos a posta de longo do grupo LGTB dos socialistas de Compostela. Fai dous anos que nos reunimos con María Bugallo e con Sonia Fernandez para comezar a traballar na súa posta en marcha. Grazas Gonzalo e David por coller as rendas deste proxecto na capital de Galicia. Pero  tamén podemos considerar que esta é a posta de longo do Grupo LGTB dos Socialistas de Galicia.

Contamos hoxe coa compañeira Trindade Jiménez, unha gran aliada do movemento LGTB. E coas tres mulleres que mais axudaron a este grupo desde o comezo, Mar Barcón que fai seis anos empúrrounos a pór en marcha o grupo da Coruña. Laura Seara que un ano despois deunos a forza para crear o grupo a nivel galego. E Silvia Fraga que é a nosa portavoz de mocidade e LGTB no parlamento de Galicia. Grazas ás tres polo voso compromiso e traballo. Sempre as nosas aliadas son as mulleres, xa alá a finais dos 70 o movemento feminista e as frontes de Liberación sexual traballaban conxuntamente, xa que temos  problemas comúns como o “heterosexismo” ou o “machismo”. Tal vez botamos en falta unha maior implicación dos homes heterosexuais, esperemos que pronto se unan sen medos á nosa loita.

Como probablemente saberedes a loita do novo movemento LGTB naceu en New York, coas revoltas de Stone Wall  do 28 de Xuño de 1969. Día en que os clientes do pubs Stone Wall In reaccionaron contra as indiscriminadas e brutais  redadas que se realizaban naquela época en varios club de ambiente.  A tensión entre a policía de Nova York e os residentes gais do Village produciu máis protestas nos seguintes días. Unhas semanas mais tarde fundose a Fronte de Liberación Gai de New York.

Aquí o movemento iniciouse en Barcelona a mediados dos anos 70 cos primeiros grupos ou frontes de liberación sexual. Alí tamén tivo lugar, en 1977, a primeira manifestación o día 28 de xuño. Un ano máis tarde, 1978, celebrouse a primeira en Madrid. Só unhas decenas de persoas acudiron a unha cita que pasou desapercibida.

A Constitución de 1978 trouxo consigo a derrogación da Lei de Perigosidade Social e, con iso a despenalización das relacións homosexuais, pero aínda había moito camiño por percorrer nunha España que seguia vivindo en branco e negro.

Na década dos 90, os asistentes ás manifestacións do Día do Orgullo Gai empezan a crecer  progresivamente, pero aos poucos.

A convocatoria de 1993, cunha España de resaca que presumia ante o mundo de modernidade e vangarda cos fastos do 92, contou cunhas 500 persoas.

A de 1994, que coincidía coa celebración en todo o mundo do 25 aniversario das revoleas de Stone Wall, case alcanzou o milleiro, mentres en Nova York, un millón de persoas desfilaba pola Primeira Avenida de Manhattan, e 180.000 persoas facíano en Londres.

En 1995, a manifestación bateu a súa marca con 1.200 asistentes, aproximadamente o 0,01% das persoas homosexuais que se estimaba que entón vivían en Madrid. Moitos fixérono disfrazados, non por motivos lúdicos, senón para evitar ser recoñecidos. A orientación sexual seguía sen dar o salto ao ámbito público.

A finais de 1995, o Congreso dos Deputados aproba o novo Código Penal, que protexía a orientación sexual como un Dereito Fundamental. Seis artigos do novo Código castigan expresamente a discriminación por motivos de orientación sexual.

O 28 de xuño de 1996 empeza a notarse un cambio. Os homosexuais españois celebraron ese ano a súa festividade como nunca antes o fixeron, con manifestacións tamén en Sevilla, Barcelona, Bilbao ou Valencia. En Madrid foron unhas 3.000 persoas. E apareceu a primeira carroza, o nunca visto ata entón.

No 2001 máis de 100.000 gais, lesbianas transexuais e bisexuais tomaron Madrid  para mostrar con orgullo a súa identidade. A reivindicación é xa abertamente o recoñecemento do matrimonio gai. Unha trintena de carrozas multicolor acompañaron a comitiva, na que se deixaron ver rostros coñecidos como Chavela Vargas, Cayetana Guillén Cuervo e Alaska, ademais de políticos como a nosa compañeira Leire Pajín,  o noso compañeiro Rafael Simancas, Gaspar Llamazares e Marisa Castro.

A partir de aí dáse un salto e a manifestación do orgullo é a máis numerosa que se celebra en Madrid e España cada ano, como xa saberedes.

Aquí en Galicia é a finales dos ostenta, comenzo dos noventa cando se forman os primeiros colectivos LGTB,  BOGA, CGC, MILHOMES, LEGAIS, RARAS SOMOS TODAS e A.L.A.S Lugo . A finais de 90 comezan a traballar na Federacion Galega Aturuxo.  Despois apareceron Maribolheras, A.G.L.E.T, Nós Mesmas, Galentendo  e A.L.A.S. Coruña. Hoxe os mais activos son A.L.A.S Coruña e Nós Mesmas de Vigo.

Recordemos que nos noventa gobernaba Fraga en Galicia. Tiñamos a Rouco no arcebispado de Santiago, no de Mondoñedo Gea Escolano, na universidade de Coruña estaba Meilan Gil e nas Deputacións estaban Lendorio, Cacharro Pardo e Baltar. E en Madrid estaba Aznar. As principais institucións non estaban para prestarnos  moita axuda.

Nesta época o activismo en Galicia fixo un gran e difícil traballo, realizáronse as primeiras manifestacións de todos os colectivos en Santiago e a festa paso de celebrarse na pequena praza dos bombeiros á praza da Quintana.  Non recordo se foi no 2003 ou no 2004, pero ver a praza da Quintana chea de xentes chegadas de toda Galicia fixo que tivese a pel de galiña toda a noite.  Estar celebrando o orgullo dunha forma tan visible nunha das prazas mais importantes de Galicia era algo impensable para nós uns poucos anos antes.

Pásounos o mesmo a Isaac e ao mín, cando se celebro o primeiro orgullo de Coruña, fai cinco anos. Mil persoas na Praza de Azcarraga, mil persoas facendo unha acto de Visibilidade. É algo mais importante do que pensades. Xa que os gais, lesbianas, transexuais e bisexuais pasámonos unha gran parte das nosas vidas nos varios armarios que nos impón a sociedade. Por iso é tan importante para nós saír á rúa, ser VISIBLES. Vivir as nosas vidas.

En xuño do 2007 nace o grupo LGTB dos Socialistas de Coruña, un ano despois o grupo de Ourense e a continuación constitúese o grupo LGTB dos Socialistas Galegos. O ano pasado formose o grupo de Vigo e hoxe aquí estamos celebrando o nacemento do de Compostela.

A nivel federal o grupo LGTB do PSOE empeza a traballar en 1996 ao redor dun grupo de xente como Vicente Bataller e Miguel Angel Fernandez entre outros.

Pero os grupos collen impulso cando Pedro Zerolo deixa a presidencia da FELGTB, afíliase no PSOE e entra na executiva Federal facéndose cargo da secretaría de Movementos sociais.

Empézase a traballar nas organizacións sectoriais e os grupos de participación. Estas son estruturas de participación directa dos militantes e simpatizantes. Poden ser grupos de diferentes agrupacións que unense para traballar en temas comúns. Ademas trabállase de xeito conxunto coas asociacións e colectivos. Tentamos ser a liña de transmisión entre a sociedade civil e o partido. Estar en contacto coa rúa, que creo que é o que nos pide a sociedade nestes momentos. Se queremos volver conquistar a sociedade debemos baixar a traballar codo con codo con ela.

As persoas LGTB démonos conta que soamente se poden facer os cambios desde a política e por iso puxémonos a traballar dentro dos partidos. Este traballo deu o seu froito no 2005 coa reforma da lei de matrimonio, que nos equiparaba en dereitos aos demais cidadáns deste país. E no 2008 aprobouse a lei que dignificaba a vida das persoas transexuais. Pero esta non era a meta final, é unha Gran meta volante. Como saberedes as mulleres para conseguir a igualdade real hai que seguir traballando día a día. É importante sacar a homofobia das leis, pero hai que seguir traballando para sacala das nosas cabezas e dos noso corazóns.

Nestes cinco anos o grupo galego celebro o orgullo LGTB en Coruña, Vigo, Ourense e Santiago. Presento Mocións en concellos e o parlamento Galego o día mundial contra a Homofobia. incluímos no documento político do PSdeG  referencias á nosa realidade.  Celebramos 3 xantares pola Visibilidade rural LGTB, asistimos cun autobús cheo durante 5 anos ao Orgullo de Madrid. Reunións con colectivos, asociacións… Charlas en agrupacións..Xornadas na Universidade de Coruña xunto a IESGA. Participamos nos diferentes procesos orgánicos do partido, tanto a nivel Federal, Galego, Provinciais e locais.  Creáronse os servizos de mediación municipal LGTB, nalgunhas cidades onde gobernamos. Presentamos o borrador da lei galega de Visibilidade e para a non discriminación das persoas LGTB.

Demos moito pasos, pero aínda quédanos moito para a normalización total. Unha normalización que cremos que debe acadarse a través da educación e a visibilidade.

A homofobia prodúcese por ese medo das persoas á diferenza, ao descoñecido. E a mellor forma de combatelo é coa educación e o coñecemento  da nosa forma de vida. Tamén se acada coa Visibilización da nosa realidade. Para conseguir este obxectivo necesitamos o voso apoio, a vosa complicidade.

E máis agora que coa crise xa teñen a escusa para facer retroceder estes avances sociais. Durante as crises as persoas que máis a sofren son os mais desfavorecidos, nesta época ¿quen se vai atrever a saír do armario no traballo? ou ¿que homosexual vai  pedir o permiso por matrimonio?… Moitos gais e lesbianas  teñen que volver ao armario. Os transexuais aos que xa sempre lles foi difícil atopar traballo, agora complicase mais a tarefa.

Os recortes en sanidade están golpenado dun xeito especial os portadores do VIH, e mais gravemente aqueles que son emigrantes.

A dereita quérenos agochar, pon trabas ás nosas manifestacións, retira a materia de educación para a cidadanía, mantén o recurso de inconstitucionalidade á lei de matrimonio. Quere  que voltemos  o armario. Pero non o van conseguir, o noso lugar é o mesmo que o voso, as rúas, parques, praias e demais espazos públicos das nosas cidades e pobos.

VISIBLES NA IGUALDADE. ACTO CIVICO DO GRUPO LGTB DO PSdeG-PSOE

O Grupo LGTB do PSdeG-PSOE organiza unha xornada de debate baixo o titulo de «VISIBLES NA IGUALDADE»
 
O acto celebrarase o mércores día 18 de xullo ás 20 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago.
 
É un Acto Cívico e Cultural Aberto de Igualdade e Visibilidade LGTB no que participará a deputada no Congreso e Secretaria de Política Social da CEF Trinidad Jiménez, o Coordinador LGTB do PSdeG Fito Ferreiro, a deputada e Portavoz LGTB no Parlamento de Galicia Silvia Fraga   así como Mercedes Rosón, concelleira en Santiago de Compostela.
 
Posteriormente haberá un coloquio moderado pola deputada no Congreso e Sª de Coordinación Institucional e Participación da CENG Laura Seara e a interpretación dunha peza musical a cargo dun Trio Músical de Santiago. 
 
Esperamos veros a todas e todos neste acto.